Orde do 12 de xuño de 2013 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público de nove bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria.
A contía das bolsas será de 990 euros brutos mensuais, nos cales van incluídos os custos da cota da Seguridade Social (cota patronal e cota obreira), en aplicación do previsto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.
As actividades de formación iniciaranse o 1 de outubro de 2013 e rematarán o 30 de setembro de 2015. A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa
Beneficiarios:
Licenciados/as universitario/as en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada proxecto se sinalan nos anexos desta orde.
Requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
b) Estar en posesión do título universitario de licenciado ou licenciada ou de grao exixido no proxecto para o que presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición no remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes a el no curso académico 2005-2006 ou posterior.
c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega.
d) Non resultar beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG nº 188, do 30 de setembro).
f) Os/as solicitantes que teñan cursado os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberán xuntar a correspondente tradución xurada. A certificación do expediente académico indicará: a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas; e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE nº 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola dita Resolución do 15 de setembro de 2011.
Prazo de presentación de solicitudes: 19/06/2013 - 18/07/2013.
No hay comentarios:
Publicar un comentario