A Secretaría Xeral de Política Lingüística
convoca para o mes de abril as primeiras probas de acreditación da lingua
galega (Celga) do ano 2016
Os exames realizaranse, nos seus catro niveis,
os días 2, 3, 9 e 10 de abril en Santiago de Compostela e Ponferrada
O prazo de inscrición estará aberto desde mañá
ata o vindeiro 8 de febreiro
O Diario Oficial de Galicia publica o día 7/01/2016 a Resolución do 23 de decembro
de 2015, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as
probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3
e 4, no ano 2016 (ED114A).
O prazo de inscrición nestes exames, que se
realizarán os días 2, 3, 9 e 10 de abril en Santiago de Compostela e en
Ponferrada (dado o especial interese da promoción do uso do galego nos
territorios galegofalantes do Bierzo e Sanabria), está aberto desde mañá ata o
vindeiro 8 de febreiro. Canda a publicación das listaxes de admitidos
definitivas, comunicarase o lugar ou lugares onde se realizarán os exames.
As probas celebraranse nas fins de semana do 2
e 3 (Celga 4 e Celga 2, respectivamente) e do 9 e 10 (Celga 3 e Celga 1,
respectivamente). A convocatoria completa pódese consultar no Diario Oficial de
Galicia de hoxe e no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.
Dúas convocatorias de probas para este ano
A Consellería de Cultura e Educación
reorganiza con esta convocatoria, que será a primeira do 2016, a loxística pola
que se vén desenvolvendo o sistema de acreditación do Celga desde a súa
implantación no ano 2007. Por primeira vez, contarase nas probas con
profesorado Celga que desde o ano pasado forma parte do persoal propio deste
departamento.
Tamén se coordina o desenvolvemento de cursos
e probas Celga, para o que se establece un cronograma anual conxunto que
contempla a celebración dos exames inmediatamente posterior ao desenvolvemento
dos cursos preparatorios, con dúas quendas neste ano, unha en cada semestre.
Así, a Xunta de Galicia xa está a traballar
nunha segunda convocatoria que se desenvolverá no segundo semestre de 2016,
tras a correspondente quenda de cursos preparatorios que se fará pública
proximamente.
O sistema Celga
O Celga é o certificado en lingua galega que
expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que
acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3,
Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de
aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo
común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se
describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis
para que a comunicación sexa eficaz.
O sistema Celga proporciona unha base común
para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames,
manuais etc. en toda Europa e configúrase en distintos niveis de coñecemento.
Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas
distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación (aqueles
aspectos relacionados coas funcións comunicativas) e lingua e sistema (os
vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais).
No hay comentarios:
Publicar un comentario