martes, 28 de abril de 2015

Axuda para renovación de praza/novo ingreso programa cheque infantil.

  • Solicitudes de axuda para a renovación de praza.
    Aquelas persoas beneficiarias que no curso 2014/15 gozasen da axuda do programa Cheque infantil e continúen interesadas na praza do ano anterior deberán solicitar a axuda de renovación de praza mediante a presentación do modelo que figura como anexo I a esta orde, marcando a opción que corresponda.

    Xunto coa solicitude, a persoa interesada achegará o anexo II debidamente cuberto e asinado polo/a cónxuxe ou parella, de ser o caso, así como a documentación que corresponda no caso de se producisen cambios nas circunstancias familiares.
  • Novas solicitudes de axuda.

    As persoas interesadas en solicitar a axuda que estean no suposto do artigo 3.1.2.b) desta orde deberán presentar a solicitude, segundo o modelo oficial do anexo I desta orde, marcando a opción que corresponda, subscrita polas nais ou pais ou representantes legais dos nenos e das nenas.

    Xunto coa solicitude achegarase, ademais, a seguinte documentación:
    • a) Anexo II.
    • b) Copia do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.
    • c) Certificado de discapacidade ou do grao ou nivel de dependencia, se é o caso, e informe dos servizos especializados na materia sobre a necesidade de integración na escola infantil do neno ou da nena para o/a cal se solicita praza, se é o caso, cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma.
    • d) Copia da resolución administrativa de acollemento, no caso de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma.
    • e) Xustificación de ocupación ou de desemprego actualizada:
      • No caso de persoas traballadoras por conta allea: copia da última nómina, certificación de empresa ou vida laboral; no caso de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas: copia do último recibo do pagamento da cota á Seguridade Social no réxime especial de traballadores autónomos ou da correspondente mutualidade.
      • No caso de persoas desempregadas, certificación de ser demandante de emprego con efectos do día anterior ao da publicación desta orde.
    • f) Se procede, outros documentos en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:
      • Informe dos servizos sociais do concello correspondente para acreditar as responsabilidades familiares no caso de que existan membros que, sen formaren parte da unidade familiar, estean a cargo dela.
      • Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia da nai, do pai, do acolledor ou acolledora, do titor ou titora legal e/ou outros membros da unidade familiar, no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.
      • Informe médico expedido polos servizos públicos de saúde, no caso de enfermidades crónicas ou outras afeccións dos membros da unidade familiar.
      • Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, no caso de familia monoparental. Enténdese por familia monoparental a unidade familiar formada por unha única persoa proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que a outra persoa proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.
      • Título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.
      • Informe dos servizos sociais do concello correspondente, no caso de ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais.
    • g) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:
      • Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.
      • Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
      • Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.
      • Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.
      • Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.
      • Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.
  • As solicitudes, xunto coa documentación requirida, dirixidas á xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde teña o seu domicilio a persoa solicitante, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

    Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

    A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, xa mencionados.

    A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

    As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

    A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán presentarse en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
  • No prazo de presentación de solicitudes, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
  • Mais información preme no seguinte enlace 





No hay comentarios:

Publicar un comentario