lunes, 24 de noviembre de 2014

"A loita contra a violencia de xénero é cousa de todos e todas"

Este ano e coincidindo co mes de novembro dentro das accións de sensibilización polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero dende CSIF Pontevedra queremos facer fincapé na violencia de xénero na xuventude xa que é unha sinatura pendente 

 O concepto "violencia de xénero" dá nome a un problema, que ata hai pouco, formaba parte da vida privada das persoas; era considerado un asunto de familia que non debía transcender de portas para fóra e, polo tanto, no que non se debía intervir dende fora da familia.
Entender a violencia como un asunto privado forza ás mulleres a permanecer nunha situación de subordinación respecto do home e implica asumir as relacións de poder historicamente desiguais entre ambos e a través das cales se lexitima ao home a manter o seu status-quo de dominación incluso a través da violencia.

Esta percepción contribúe a que as mulleres non denuncien a súa situación por medo, vergoña ou culpabilidade. A loita contra a violencia de xénero non pode prescindir das accións de apoio aos cambios culturais, sobre todo, nos grupos de idades máis novas, polo que ten que ver co enfoque de xénero e a sexualidade.
A adolescencia é unha etapa de transición entre a infancia e a madurez que ten unha gran relevancia na vida dun ser humano. As persoas xóvenes saen da contorna familiar e empezan a establecer as pautas de relación co mundo que lle rodea.
É a época na que o individuo empeza a construír o seu proxecto de vida. Polo tanto, o futuro dun país depende de que ese proxecto estea elaborado no respecto aos Dereitos Humanos e baseado no principio de igualdade entre homes e mulleres, que é o tema que nos incumbe.
Segundo os resultados de diferentes investigacións, a violencia de xénero está moito máis presente nas relacións de parella entre mozos e mozas  que entre persoas adultas, de ahí a urxencia e importancia da intervención.
A pesar do dito, esta tarefa entraña certas dificultades: por unha banda a que teñen os mozos para identificar a violencia de xénero, o que implica, unha tendencia a normalizala ou naturalizala (aceptación da agresión como patrón de conduta normalizado e integrados nas relacións afectivas das persoas novas), e doutra banda, a dificultade engadida como consecuencia da inexistencia no noso país de programas específicos para agresores de xénero novos, que lles asistan para identificar a violencia que exercen, responsabilizarse dela e traballar para eliminala.
É fundamental analizar como os mozos e as mozas conforman a súa identidade na escola e a familia a través de modelos tradicionais sexistas. Ponse de manifesto o abismo existente entre a  igualdade  formal  e  a  igualdade  real  que  existe  na  escola,  que  non  só  impide  percibir  o verdadeiro grao de desigualdade existente, senón que vela prácticas discriminatorias e reproduce os estereotipos sexistas que se pretenden erradicar. Fai referencia a como as mozas constrúen a súa identidade mediante a imitación das prácticas masculinas, como rexeitamento á feminidade socialmente devaluada e como a multiplicidade das situacións violentas de baixa intensidade levan a normalizar e minimizar a violencia de xénero.Debemos de analizar a relación existente entre o sexismo e a violencia en xeral e a súa superación entre as adolescentes e os adolescentes levando a propor unha perspectiva integral da violencia baseada na igualdade e o respecto dos Dereitos Humanos.Desde esta perspectiva daremos moita importancia ás similitudes que hai entre a violencia de xénero e o acoso escolar, propondo que para a súa prevención, se realicen programas que inclúan o establecemento de relacións cooperativas e a construción explícita dun currículum da non-violencia.
Debemos facer fincapé en que os mitos do amor romántico, que tanta forza teñen a esta idade, perxudican seriamente á igualdade, porque segue representando aos homes e ás mulleres como seres diferentes, con roles opostos pero complementarios.
As mulleres son educadas para o amor, para que desexen ser amadas por enriba de calquera cousa, para que se lles meta na cabeza a idea de que soas non son nada. Aos homes en cambio, mutílaselles emocionalmente para que non mostren os seus sentimentos en público, para que gocen da súa liberdade e fuxan das mulleres ata que non lles quede máis remedio que asentar a cabeza e formar unha familia.
O perigo deste modelo romántico está nos homes que asumen os seus privilexios de xénero dentro da parella e que someten ás súas compañeiras a diversas humillacións, tantos físicas como verbais. O maltrato que soportan as mulleres é maior canto maior é a dependencia afectiva e económica, e canto maior é a súa capacidade de autosacrificio a favor da harmonía e felicidade do marido e os fillos.
Hoxe en día vivimos nunha sociedade formalmente igualitaria, hai moitas políticas de igualdade activas que fan os Estados, e parece unha sociedade comprometida co tema da igualdade entre homes e mulleres, no obstante sabemos que os nenos e as nenas, logo rapazas e rapaces, aprenden e interiorizan perfectamente que as mulleres, en última instancia, están para servir os desexos e o proxecto de vida dos homes.
Poida que queiramos aceptar que vivimos nun mundo mediático desnaturalizado, pero, por moral e por lei, todos e todas, temos que aceptar e defender a igualdade de dereitos entre homes e mulleres, así como o dereito a non ser obxecto de discriminación. A sociedade democrática, debe tomar nota de todo isto e dotarse, ao igual que o resto de implicadas/os, de ferramentas eficaces para poñer o seu gran de area e contribuír, decididamente, ao cambio da realidade descrita.








  

No hay comentarios:

Publicar un comentario